Rating:

Urbano Lugrís (A Coruña 1908- Vigo 1973) foi un pintor surrealista que traballou diferentes técnicas: murais, serigrafía, colaxes, óleo... obras con claras referencias ao mundo mariño.

Aínda que oriúndo da Coruña, Lugrís estableceu unha especial relación con Malpica, na que deixou unha pegada persoal e pictórica inesquecible.

A ruta que recorda a súa presenza e legado en Malpica comeza nesta praza de Anselmo Villar Amigo, malpicán que fixo fortuna en Bos Aires e que custeou obras tan importantes para o municipio como o varadoiro e o murallón da rampla do antigo porto, as escolas e a antiga praza de abastos, actual concello. Tamén foi promotor da fonte que aquí se encontra, primeira traída de augas pública do municipio e que converteu este espazo nun punto de encontro e convivencia da xente da vila.

Moi preto de aquí atópase o Bar Novo, onde en 1956 Urbano Lugrís se hospedou durante o tempo en que realizou a decoración da Casa do Pescador, e que o vincularía á vila malpicá, á súa cultura, á súa xente e ao seu mar para sempre.

No cuarto 18 pasou catro meses lendo e descansando tras longas horas de traballo e de faladoiros de taberna con mariñeiros, entre os que se mimetizou coa súa locuacidade e cuncas de viño.

Agora cruza a rúa Emilio González, cara á praia de Area Maior, e atoparás o seguinte punto de información na fachada da desaparecida casa de comidas Cadeiro.

Urbano Lugrís